As partes da botella

4 de March do 2023
As partes da botella

A botella de vidro divídese en varias partes, cunhas características concretas que as fan especiais. 

1. A boca e a cortiza: A boca é a zona superior pola que se abre e se serve o viño, ten forma circular e mide 19 centímetros aproximadamente. Esta parte ten un contorno máis groso que se denomina “gollete” e que se utiliza para evitar que a presión da cortiza poida rompela.

Por outra banda, a cortiza é fundamental para a conservación do viño en bo estado, xa que impide a entrada de osíxeno, que danaría o viño, e fai de barreira para as bacterias e o mofo, preservando as propiedades do viño e garantindo que evolucione correctamente en botella. Pero se queredes saber sobre esta, podedes consultar esta entrada do blogue. 

Na antigüidade, cando o viño se conservaba en ánforas, utilizábanse peles e tecidos tratados con aceites e graxas, pero alteraban a calidade do viño. Foron os gregos, no século V a.C., os que comezaron a introducir a cortiza como sistema de peche dos envases e, posteriormente, no século XVII, cos envases de vidro adoptouse a cortiza como peche estándar.

2. O colo: É o nexo de unión co resto da botella, a parte máis estreita e alongada, chegando a medir uns 5-6 centímetros, aínda que a súa lonxitude pode variar dependendo do tipo de botella que se utilice.

O colo ten dúas funcións. Por unha banda permite que o viño saia cara ó exterior dunha forma máis suave e controlada para que o líquido non choque coa copa e, pola outra banda, non permite a entrada de aire dende o exterior para que o viño siga mantendo todo o seu aroma, textura e sabor.

Outras das funcións é permitir a contracción e a expansión do volume do viño, que pode provocarse debido aos cambios de temperatura. Por iso é recomendable deixar un espazo entre o líquido e o tapón, que permita que o viño aumente un pouco o seu tamaño sen aumentar a presión, o que provocaría a rotura da botella.

3. O corpo e o ombro: O corpo da botella é a parte máis ampla e acostuma a ter unha forma homoxénea e plana, que facilita o embotellado, etiquetado e o encaixado da mesma. As botellas poden ser máis rectas ou de forma troncónica, polo que os etiquetados se farán de formas distintas.

O ombro é a parte onde se estreita a botella antes de chegar ó colo. Utilízase para recoller os sedimentos cando se escancia o viño. En función do tipo de ombro podemos atopar diferentes tipos de botellas, podendo ser este máis marcado, caído ou suave. Por exemplo, as botellas de viño tinto soen ter uns ombros máis angulados que os espumosos, que teñen unha forma moito menos pronunciada.

4. A picada: No século XVIII xeneralizouse o uso de botellas de vidro para conservar o viño e o fondo facíase liso. Co paso do tempo, as botellas adquiriron unha forma convexa na súa base, esta curva en termos vinícolas denomínase “picada”.

Esta curva facía que a botella fose moito máis resistente, estable e aguantase mellor a presión do interior, polo que era fundamental para os espumosos. Ademais, proporciona un mellor agarre á hora de servir e axuda a que os posibles sedimentos do viño queden nos laterais do fondo e non caian na copa ou cunca.