Os restos da poda

12 de February do 2023
Moios

Durante os meses de novembro, decembro, xaneiro, febreiro e marzo os viticultores realizan no viñedo os traballos de coidado e saneamento da vide coa poda que permite o posterior correcto desenvolvemento da vide. Esta, como vos falamos neste artigo pode realizarse en distintos momentos en función das variables do viñedo e da variedade da uva da que se trate. 

Pero, unha vez realizada a poda, que se realiza cos restos vexetais sobrantes do viñedo? 

Antigamente, estes rastrollos eran unidos en moios para ser queimados ben dentro do propio viñedo para proporcionar un pouco de calor en días fríos ou ben dentro das casas nas propias lareiras a modo de combustible vexetal.  Esta práctica aínda está estendida en varias zonas de Galicia debido aos climas fríos existentes.

Ademais disto, en outras ocasións os restos da poda eran usados a modo de abono: durante os meses de inverno acostumábanse a cavar gavias para airear o solo (aportando osíxeno ao terreo), deixándoas un tempo abertas, para posteriormente incorporar ao terreo o “esterco” xunto con toxos e vides, o que en conxunto serviría para abonar e cargar de nutrientes o solo do viñedo.

No transcurso dos últimos anos tamén se estendeu unha práctica que consiste en triturar estos restos vexetais e esparexelos polo viñedo a modo de abono para o terreo. Segundo os expertos a realización desta práctica serve para aumentar o pH do terreo e aumentar os nutrientes do mesmo (devolvendo parte dos nutrientes consumidos pola planta ao solo), polo que está estendida pola Denominación de Orixe das Rías Baixas na que os solos son máis pobres en nutrientes.

A pesar de que isto pode ser beneficioso para o viñedo, á hora de realizar a poda e trituración dos restos debemos ter en conta se existe algún tipo de enfermidade na planta, e neste caso é máis recomendable a queima do rastrollo, para evitar a propagación de pragas novamente no viñedo. 

En último lugar, esta práctica é ecolóxica e ao evitar a queima evitamos desprender CO2 ao medio ambiente, co que reducimos a contaminación.