Dom Pérignon e o auxe da cortiza.

20 de March do 2022
O auxe da cortiza.

O peche de recipientes de vidro mediante tapón de cortiza non é un feito tan recente como pensamos. A cortiza coñecíase dende a antigüidade, unha época na que chamaba a atención polo seu poder illante e como un dos materiais máis axeitados para o peche de recipientes como as ánforas (Horacio, Odas, III, 8.10), mais co discorrer do tempo caeu en desuso ante a errónea crenza de que deixaba pasar o aire, un defecto posiblemente acadado debido á baixa calidade pola súa pronta recolección do carballo. Debido a isto, pasaríase ao cerramento de barricas, cántaras e ánforas mediante cera, arxila, ou tacos de madeira e teas empapados en aceite.

O protagonista destes parágrafos é un recoñecido monxe benedictino da abadía de Hartvillers, na rexión de Champaña. Falamos de Dom Pierre Pérignon, home nado no 1638 en Sainte-Menehould (Marne) no seo dunha familia burguesa. Grazas á súa alta capacidade de xestión e de organización foi nomeado arredor dos anos setenta do seu século como tesoureiro e xestor da adega desta abadía, un edificio adicado por enteiro á produción de viño nas súas apenas dez hectáreas de viñedos.

Coa introducción da botella de cristal xorde un novo problema, que non era outro que o peche do recipiente. A tradición e a historia atribúen a este home a promoción do tapón de cortiza como o peche máis innovador e eficaz para as botellas que acollían o viño, ata o punto de consolidarse o seu emprego a partir do século XVII.

Son varias as lendas que xiran en torno a Dom Pérignon e a cortiza. Unha delas conta que un día uns viaxeiros españois pasaron pola súa abadía levando con eles uns cántaros selados cun anaco de cortiza. Este abade interesouse por este novidoso material e introduciuno como peche para as súas botellas. Outra lenda asegura que Dom Pérignon descobrira a existencia da cortiza nunha das súas viaxes a España cando se hospedou no mosteiro de Sant Feliu de Guíxols, en Xirona.

O encaixe entre o propio material e o pescozo da botella tratábase dunha cuestión do máis complexa, sobre todo sabendo que o recipiente esixía un peche coa maior estanquidade posible. Por fortuna, a cortiza ten unha gran cantidade de favorecedoras propiedades. É un material natural, ecolóxico e renovable procedente da sobreira, unha árbore moi frecuente en España e en Portugal. Entre as súas vantaxes atopamos a súa gran elasticidade e impermeabilidade fronte aos líquidos, o que a converte nun material idóneo, pero tamén é permeable fronte aos gases e flexible dependendo do estado de humidade no que se atope a cortiza, polo que o emprego do tapón de cortiza asegura unha gran adherencia e adaptabilidade ao pescozo de vidro.

Por outra banda, un dos principais problemas atopados é o seu elevado custo, polo que na actualidade buscáronse outras alternativas mediante peches artificiais elaborados con materiais sintéticos, peches de silicona, tapóns de aglomerado, outros metálicos de rosca ou os multipezas que posúen estremos de cortiza natural e interior a base de conglomerado, dos que xa vos falamos en anteriores entradas deste mesmo blogue.