Tipos de peche para o viño.

25 de February do 2022
Tapón de cortiza natural

Dende hai uns anos, ao ir á tenda mercar un viño, comezamos a atoparnos con variedades de peche nas nosas botellas favoritas, entre as que máis vemos atopamos o peche tradicional de cortiza natural, o de cortiza sintética e os de rosca. Pero cales son os máis axeitados para o viño? 

Comecemos pola cortiza natural. Este tapón provén da cortiza da sobreira, sendo un peche realizado en material natural e biodegradable.  Este material permite que unha vez selemos o viño, este poida seguir respirando grazas aos seus poros. Iso si, non se trata dunha respiración excesiva, que podería estragar o viño, senón que é a precisa para permitir a microosixenación necesaria nos viños que envellecen en botella. Ao mesmo tempo, trátase dun material pouco permeable polo que nos aseguramos que o líquido que contén o interior da botella non se dane. 

Este tipo de peche, descuberto no século XVIII, é ideal para viños que requiren de envellecemento en botella, xa que, ademais de permitir a microosixenación antes nomeada que permite que os viños sigan evolucionando unha vez embotellados, a cortiza, resiste o paso do tempo sen degradarse. 

Pese a todas as vantaxes que presenta, o uso deste material tamén pode ser desfavorable, xa que ao tratarse dun produto natural, pode ser atacado por enfermidades. No caso da cortiza, a máis común é a denominada “enfermidade do corcho” ou TCA, causada por fungos. Esta enfermidade, que pode estar presente na cortiza da sobreira, prolifera con maior facilidade en adegas húmidas, e se consigue penetrar na cortiza sería case imposible de erradicar, danando irreversiblemente o viño con olores e sabores desagradables. 

Seguindo cos tapóns de cortiza, tamén nos podemos atopar os peches colmatados, os cales están realizados con cortiza natural. A diferencia dos anteriores, os poros (ou lenticelas) destes, están recheos de pó da propia cortiza, que é fixada por unha cola a base de resina e auga e que se colmata para mellorar o aspecto do peche e o seu rendemento. Como inconvinte: este tapón pode transferir olores non desexados ao viño. 

Este tipo de peche, pode utilizarse para viños novos que non requiren de envellecemento en botella. 

Para substituir a estes, apareceron os tapóns producidos en cortiza sintética ou silicona. Estes imitan o comportamento da cortiza natural, sen o perigo das enfermidades que esta pode conter, e sen que afecte á evolución do viño unha vez embotellado polo que é usado sobre todo para selar os viños novos de pronto consumo. Pese a que o uso deste tipo de cortiza abarata o custe do embotellado, tamén presenta o inconveniente de que non permite a microosixenación do viño debido a que é un material moi compacto e sen porosidade, polo que este peche non é recomendado para os viños de garda xa que corren o risco de avinagrarse con maior facilidade. 

Tamén podemos atoparnos no mercado os peches de aglomerado, os cales se forman a partir das sobras de cortiza granulada resultantes de elaborar outros productos. Para realizalos, o pó sobrante de cortiza aprisiónase en moldes individuais ou ben colmátase con axuda de outros productos como colas. Estes peches son moi económicos e destinados a viños que se consumen de xeito rápido e de baixo custe. 

E que pasaría se mezclamos a cortiza natural e a cortiza sintética? pois conseguiríamos un tapón técnico. Este tipo de peche está composto por corcho aglomerado na súa parte central e de dous discos de corcho natural nos extremos. Este tipo de tapón, é moi bo illante, evitando así a oxidación do viño, polo que se usa, sobre todo, para viños que están destinados a ser consumidos nun prazo de 2 a 3 anos. 

E o tapón de rosca? Este tipo de tapón cumple unha función similar ao tapón de silicona, xa que evita a osixenación do viño e permite un selado perfecto, evitando a contaminación do producto con axentes externos, asegurando a súa calidade ata o seu consumo. Ademais, á marxe do que as tradicións vinícolas máis senlleiras marcan no mercado e de que esta sexa unha afirmación impopular, o tapón de rosca tamén é unha boa solución nun mundo en que os viños viaxan e son exportados a lugares que están a miles de quilómetros do seu lugar de orixe, por que? Pois por esa estabilidade e porque se incluso se quixera manter a microosixenación que permite o corcho natural pódese conseguir con almohadillados duns milímetros no tapón. Isto permite abaratar custes e usalo para viños novos ou de garda, e, por se fora pouco a conservación do viño tamén se ve favorecida en neveira, xa que aínda que se abra, se non se consume todo no momento pódese volver a pechar, evitando que o viño se contamine de outros olores indesexables. 

Volvendo á pregunta inicial, cal é o mellor peche para o viño? Todas estas opcións contan con  vantaxes e inconvintes, polo que a adega será a encargada de determinar a solución final para o seu viño, dependendo tamén de se se trata dun viño novo ou dun reserva.