A orixe do brinde, entre traicións e festividades.

22 de January do 2022
O brinde.

Entre festexos, gargalladas e os mellores desexos xorde ese entrechoque de copas, o tradicional acto de brindar. Alzamos os nosos vasos e brindamos porque esta é unha tradición en épocas festivas, pero o certo é que moi poucas veces nos paramos a pensar en cal podería ser o verdadeiro motivo desta arraigada e primixenia costume.

Son moitas as lendas e as posibles orixes que xiran en torno a esta práctica, pero a hipótese máis antiga sitúa este hábito na antigüidade clásica, unha época na que os banquetes e as celebracións estaban á orde do día. O anfitrión destas reunións acostumaba a ser o primeiro en alzar a súa copa e beber dela como demostración de que a bebida se atopaba nas perfectas condicións para o consumo dos invitados. Á súa vez o xesto de levantar a copa indicaba aos servintes que era o momento de enchela de novo e con prontitude. Por outra banda, a mitoloxía aseguraba que todos os sentidos se activaban mediante a toma do viño. Todos eles menos un, ese era o oído, polo que se inventou o brinde para que tamén este último sentido se deleitase coa experiencia.

Coa Idade Media chegan tempos de desconfianza, traicións e argucias. Os brindes convertéronse nun bo método para envelenar a inimigos ou rivais políticos xa que ao brindar era ben sinxelo que as gotas das copas se misturasen entre elas. Era este un procedemento silencioso e mortífero, que non deixaba ningunha proba ao seu paso. De esa foma o brinde converteuse nun símbolo de confianza e lealdade entre individuos ao asegurar que a bebida non levaba veleno.

Unha última teoría máis contemporánea lévanos ata comezos do século XVI con Carlos V, con motivo de celebración ante o saqueo de Roma o 6 de maio de 1527. Trala victoria imperial as tropas alzaron as súas copas e exclamaron ich bring dir´s, frase de orixe alemá que ao castelanizarse recorda á actual palabra “brinde”. A frase, traducida, viña a significar “ofrézocho”, como ofrenda desta victoria a Deus e á cristiandade. Por primeira vez na historia o brinde non se asociou coa traición e a desconfianza, tal e como ocorre no noso presente.

Agora que coñecedes un pouco máis acerca das posibles orixes do brindes podedes compartir esta curiosa información en vindeiras celebracións para sorprender a familiares e amizades, pero nunca coa copa vacía xa que se ten a crenza de que da mala sorte. Para todos e todas vós, saúde!