A poda

27 de November do 2021
Imaxe unha planta xa podada

O pasado día 21 de setembro comezamos oficialmente o outono e con el, e ata o vindeiro mes de marzo, estaremos nos meses máis fríos do ano. Durante o tempo de outono e inverno, a planta entra nun estado de repouso vexetativo, polo que é o momento idóneo para realizar a poda. Unha práctica que se realiza para que a planta manteña a súa forma, reducir o seu envellecemento e favorecer a calidade dos acios posteriormente.

Tradicionalmente realizábase con podóns, coma os que expomos na coleción permanente do Museo do Viño, aínda que actualmente xa se pode realizar con tesoira de vendimar.  É importante que a ferramenta escollida estea correctamente afiada, xa que en caso contrario, rasgaría a rama, en lugar de cortala, facilitando a posterior entrada de pragas e enfermidades na planta. 

Dentro da poda podemos distinguir tres tipos dependendo do momento da súa realización: a poda temperá, a tardía e a poda en verde. 

A poda temperá é a que se realiza nos primeiros meses de outono e realízase en viñedos que maduran de xeito tardío, xa sexa pola variedade de uva ou pola orientación do viñedo. Se realizamos unha poda temperá, o que imos conseguir é que a planta active o seu zume antes e por tanto a uva tamén agrome máis cedo, favorecéndolle na obtención de nutrintes e unha exposición solar boa e máis prolongada. Pola contra, a principal problemática desta práctica temperá son as xeadas primaverais, que poden danar fondamente a pranta se eses fríos chegan cando a vide aínda está agromando.

No caso da poda tardía, esta retrásase ata os meses de febreiro e de marzo evitando os danos por frío nos meses máis duros do inverno. Sobre todo, aplícase en viñedos novos ou en aqueles que están situados en zonas moi frías e sombreadas, e con aquelas variedades que agroman de xeito temperán ou que teñen un ciclo curto de maduración, xa que a función desta poda é a de retrasar a agromada da vide. 

Por último, podemos atoparnos tamén coa poda en verde, a cal xa se realiza unha vez que a vide comezou a agromar. Xeralmente practícase ao final da primavera e a súa finalidade é a de eliminar os pámpanos de mala calidade ou nos que se percibe algunha enfermidade, deixando só aqueles sans, mellorando así a floración da vide, axudando a súa aireación e a insolación das mesmas, facendo que os acios resultantes sexan de alta calidade. Esta poda en verde pode evitarse se no momento da poda de outono/inverno se selecciona ben o número de xemas, xa que así é como se lle transmite á vide a información de canta produtividade queremos obter da vide.

Pero como no viñedo non se desperdicia nada, as ramas que eliminemos na poda, servirán para trenzar os mollos, unha tarefa tradicionalmente vinculada ás mulleres, e que usaremos para quentar as mans na lareira mentres botamos un conto e quentamos a gorxa con algún bo viño.