
O pasado 19 de outubro tivo lugar nas instalacións do Museo do Viño de Galicia o Curso de Cualificación "Wine & Spirit and Education Trust" (WSET) en viño que levou a cabo o medio Galicia.wine a través do seu director Jorge Vila Fernández. Trátase da primeira destas actividades formativas especializadas, desta volta correspondente ao Nivel 1.
A través desta formación as persoas asistentes puideron coñecer de maneira práctica e con catas seleccionadas os principais estilos de viño, as súas características organolépticas e as posibilidades de maridaxe dos caldos. Un curso dirixido tanto a profesionais como a afeccionadas onde se tivo que superar un test validado por WSET Londres para a obtención da certificación.
Esta foi a primeira das actividades ofrecidas por Galicia.wine en colaboración co Museo do Viño de Galicia dunha serie de cursos e módulos formativos que terán lugar ata final de ano. Os vindeiros 23 e 24 de novembro, se as circunstancias o permiten, celebrarase a segunda edición correspondente ao Nivel 2 do WSET.