A orixe da cultura vitivinícola.

17 de December do 2020
Imaxe do Museo do Viño de Galicia.

O inicio da producción vinícola vén de lonxe, se ben temos constacia datada de que os romanos xa deixaran o seu rastrexo cara ao século III no lagar rupestre de Santa Lucía de Astariz (Castrelo de Miño), os últimos estudos sinalan que nos nosos solos xa se practicaba a viticultura con anterioridade. Mais non podemos negar, que o gran momento de implantación deste tipo de cultivo chegaría na Idade Media co auxe monástico.

Cara 1137, o rei Alfonso VII fai a doazón das vilas, coutos e igrexas de Santo André de Campo Redondo e Santa María de Razamonde, aos monxes bieitos do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares, marcando un dos fitos históricos do espazo que acolle actualmente ao Museo do Viño de Galicia. Aínda que, o mosteiro de San Clodio xa xogaba con vantaxe no cultivo do viño, sendo un dos grandes centros de explotación xa dende o século X.

O dominio da vide foise expandindo por toda a nosa xeografía e tanto a Igrexa coma a fidalguía seguiron apostaron por explotar os solos galegos, xurdindo unha inxente cantidade de granxas, priorados e pazos.

O producto derivado de todo o ano de traballo non quedaba só nos lugares de cultivo, senón que a exportación xogaba un gran papel na fama dos nosos viños alén das nosas fronteiras.

Algo ao que habería que sumar, por suposto, a importancia do poder de Santiago sobre as zonas vitivinícolas e a gran demanda de consumo de viño na capital galega dado o aumento de afluencia de peregrinos e a transformación do comercio da cidade. 

A explotación vitícola veríase freada por riñas entre reis primeiro, e pragas despois, mais a aposta por este modo de vida e de cultivo fixo que os viñedos galegos nunca desapareceran de todo e na actualidade gozan dun momento de saúde en aumento, onde os esforzos de todas as persoas dedicadas a esta cultura do viño permiten que esteamos a vivir unha nova época dourada e se estean a ampliar novamente os terreos adicados ao viñedo, recuperando o que noutro tempo foi.