Dobre acto no Museo do Viño: Presentación do libro "As etiquetas do viño", de Miriam Elena Cortés, e inauguración da exposición "Uva", de Xosé Poldras.

17 de December do 2023
Presentación Museo do Viño.

O Museo do Viño foi testemuña dunha oportunidade para novas inauguracións durante a tarde do 14 de decembro. En primeiro lugar acolleuse a presentación do terceiro volume da Colección Vitivinícola do Museo do Viño, "As etiquetas do viño", da man da historiadora da arte Miriam Elena Cortés. O traballo convértese nun percorrido pola evolución histórica do deseño das etiquetas do viño galegas, dende mediados do século XX ata a actualidade, os cales foron mudando e adaptándose aos gustos estéticos, ao público ao que ían dirixidas e que aportaban unha información relevante acerca do viño contido nas botellas. “A principios do século XX integraban elementos costumistas ou da viña, coma bancais ou cepas, e logo foron evolucionando”, como indica Miriam, pero sería “nos anos 80 do século XX, no que as etiquetas experimentaron a mesma revolución que o viño en Galicia”.

A publicación, na que se recollen máis de cincocentas etiquetas das cinco Denominacións de Orixe, pódese adquirir na tenda do Museo do Viño de Galicia ou de xeito online na biblioteca institucional da Xunta de Galicia.

A continuación, foi inaugurado o último traballo do artista plástico Xosé Poldras, "Uva". A mostra está formada por unha serie de sete grabados que supoñen unha homenaxe a aquelas persoas que traballan no sector do viño e que amosan distintas facetas relativas á súa elaboración, incidindo na plantación das cepas, no coidado do viñedo e expoñendo labores como a poda ou a posterior recollida da uva. “Tratei de combinar unha frase e unha imaxe que servan de homenaxe ás persoas que se adican ao mundo do viño, unha por tarefa”, segundo palabras do propio artista.

A exposición poderase visitar na entreplanta do Museo do Viño ata o mes de marzo do ano 2024.