Xornada de convivencia do sector da xestión cultural de Galicia e Portugal.

10 de April do 2022
Convívio no Museo do Viño

A folla de ruta do festival de cultura e música alternativa “Arteficial” de Ribadavia, vén de botar a andar nunha xornada de convivencia, e así a deron en chamar: Convívio. O encontro deuse entre persoas chegadas dende distintas partes do territorio galego e portugués, dedicadas á creación, promoción, xestión, colectivos e outros axentes vinculados de maneira directa ou indirecta ao mundo dos festivais que apostan por modelos descentralizados, dándolle unha oportunidade ás posibilidades de lugares máis pequenos, proporcionando oferta á poboación local e promocionando o territorio para a acollida de visitantes doutros lugares.

Na programación da mañá do sábado deste encontro, o Museo do Viño de Galicia recibiu a este colectivo con arredor de 40 participantes que ademais de visitar as instalacións coñecendo o proxecto expositivo e de divulgación do Museo tiveron a oportunidade de probar o viño experimental, -que non se ofrece de venda ao público- producido na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, aproveitando este tempo de cata para partillar ideas sobre a experiencia no Museo e a proxección deste espazo cultural de cara ao futuro.  

A seguir está a ligazón da páxina web do festival, que acollerá a súa XVI Edición o vindeiro 9 de setembro. https://arteficial.org/