II. Os viños romanos: O viño lora.

19 de Abril do 2024
Viño lora.

Incluso aos viños de peor calidade debemos facerlles un oco, incluíndo a aqueles que desafortunadamente ocupaban o escalafón máis baixo da pirámide dos consumidos na Antigüidade.

A lora ou augapé, nomes polos cales tamén é coñecido este viño, elaborábase co bagazo sobrante tralo prensado da uva, ao cal se lle engadía unha porción de auga e a continuación deixábase repousar durante un día enteiro. Despois, sometíase a un segundo prensado para conseguir o resultado final que, como ben nos podemos imaxinar, sería un viño frouxo e quizais non demasiado agradable ao padal.

Se nos achegamos ata as fontes clásicas atoparémolo mencionado na "Historia Natural" de Plinio o Vello, que di que a lora era un viño que bebían os traballadores (XIV, 10), pero tamén os escravos. Apenas se conservaba co paso do tempo, durando aproximadamente tan só uns tres meses trala súa elaboración, polo que se non se consumía pronto existía o risco de que se botase a perder e se agrease.

📷 Imaxe: Pintura mural de Colonia Claudia Ara Agrippinensium, s. III d.C. Museo romano-xermánico.