II. As enfermidades da vide: O oídio.

29 de Outubro do 2022
Oídio

O século XIX estivo plagado de enfermidades para o viñedo, pois apareceron outras dúas pragas (ademais da filoxera) procedentes de América: o oídio e o mildeo.  Na entrada de hoxe centrarémonos na primeira delas. 

O oídio trátase dunha enfermidade fúnxica que ataca á folla, os gromos, á inflorescencia e aos acios. 

Este fungo é visible en forma de manchas circulares brancas que afectan a folla, sendo as follas novas e os gromos máis recentes as partes máis susceptibles ao mesmo. Unha vez a planta está infectada polo fungo, este esténdese, dando a sensación de que a planta está recuberta por unha fina capa de cinza (polo que esta enfermidade tamén se coñece como ceniza, polvillo, borralla, roya ou blanqueta, entre outros moitos nomes). Pero aínda que este aspecto poida parecer inofensivo, debaixo dese pó pódense apreciar puntos de necrose, facendo que os bagos rachen e se deteña o seu crecemento. 

Esta enfermidade, desenvólvese con maior facilidade en zonas da vide na que a incidencia da luz solar é menor (xa que se trata dun fungo fotosensible). Tamén require de altas temperaturas e elevada humidade para desenvolverse facilmente. 

A problemática reside en que nos períodos fríos, o fungo hiberna no interior das xemas e nas varas, agardando o momento idóneo para o seu desenvolvemento. Este alcánzase cando as condicións de humidade son elavadas (entre un 50% e un 90%) e a temperatura se atopa arredor dos 15º, sendo este o momento no que comeza a incubación (aínda que a temperatura óptima para a súa esporación se atopa arredor dos 20-22º). 

En caso de que a temperatura sobrepase os 35º ou haxa choivas moi intensas  o desenvolvemento desde fungo fréase.

Para evitar esta enfermidade, a solución é a aplicación de xofre de xeito preventivo cando a planta comeza a agromar, renovando o tratamento ata que a planta comeza a pinta. Tamén é recomendable a poda en verde, a esfolla e a boa ventilación da planta, entre outros coidados. 

As variedades de uva máis sensibles a esta enfermidade en Galicia son a alvariña, godello, brancellao, castañal, torrontés e ferrón.