A filoxera

14 de Xullo do 2022
filoxera nas súas fases.

Actualmente se escoitamos o nome de filoxera sabemos que se trata dun mal que afecta aos viñedos, pero esta enfermidade foi descoñecida durante moitos séculos, ata que en 1854 dáselle nome en Estados Unidos. 

Sería a partir de 1863 cando comeza a aparecer nos cultivos europeos de Alemaña, Francia e Austria, seguramente a causa do comercio de vides que existía entre Europa e América para paliar os estragos dunha praga de oídio chegada a estas rexións unhas décadas antes. 

A filoxera comezou a estenderse sen control por Francia e outros lugares de Europa, facendo que a expansión natural da praga seguira o seu curso e entrara á Península por Xirona. Ademais deste punto de entrada, o comercio existente de vides americanas fixo que a filoxera chegara tamén aos portos de Málaga e Oporto. 

Dende o Douro comezouse a estender cara Galicia a través do seu afluente, o Támega, detenctándose así en Vilardevós en 1882, e estendéndose nos seguintes anos por toda a comarca de Monterrei. A partir deste momento, a filoxera seguiu avanzando, chegando á comarca de Valdeorras, Ourense e Chantada en 1887. Neste momento, comeza a frear a súa expansión retrasando a chegada á zona do Ribeiro ata 1890/1. 

Mentres esta zona freaba a expansión, debido á aridez dos seus solos de sábrego (granito areoso), chegaba dende Portugal outro foco que entraba a Galicia por Salvaterra, e estenderíase pola costa, chegando a Betanzos en 1907.

Pero cales son as consecuencias desta enfermidade? O pulgón vive baixo terra e afecta ás raíces das plantas e aliméntase do seu zume, polo que a planta non pode seguir o seu proceso de desenvolvemento. Ademais, se ben é certo que tamén dana ás vides americanas, non lles afecta no mesmo grao que ás europeas, pois nas plantas americanas o insecto aliméntase da raíz e das follas da planta, sen causar danos importantes, mentres que na variedade europea, só se alimenta da raíz provocando a aparición de danos que favorecen a entrada de fungos e podredume que condea á planta á desaparición. 

Como solución ao ataque desta praga comezáronse a enxertar as vides europeas nos portaenxertos americanos, máis resistentes á praga que asolaba Europa. No caso de Galicia, o primeiro viveiro de pés de vide americana nace en Viloria (Valdeorras) da man de José Núñez Núñez, que aprendera a técnica da enxerta en Logroño, a onde se mudaran os viticultores de Burdeos, que saíran de Francia á chegada da praga para proverse de viño a granel da Península e para plantar nos solos de La Rioja os seus novos viñedos. As variedades máis utilizadas para a realización dos portaenxertos ou pés americanos foron as de Riparia e de Rupestris de Lot, as cales aínda se utilizan hoxe en día. 

A pesar da tráxica situación, o solo silíceo e o clima húmido de Galicia fixo que a propagación desta enfermidade non fose tan rápida nin tan daniña como en outras rexións.