IV. As enfermidades da vide: A podremia negra ou black rot.

22 de Xaneiro do 2023
Black rot.

Unha enfermidade virulenta e perigosa que ameaza aos viñedos correspóndese coa chamada podremia negra ou black rot, un termo inglés polo que en moitas ocasións tamén é coñecida. Esta enfermidade está provocada polo fungo Guignardia bidwelli, un parasito cuxa orixe se atopa nas ascósporas que atacaron as vides durante o anterior ano e que grazas ás temperaturas máis baixas puideron sobrevivir á invernía.

Naqueles entornos e paisaxes caracterizados pola súa alta humidade ambiental e con climas cálidos, arredor dos 10ºC e os 32ºC, é moi posible atopar a podremia negra. O período de incubación, e ata que son visibles os primeiros indicios da praga, xira en torno aos vinteoito días en ambientes con baixas temperaturas, mentres que a enfermidade necesita un tempo moito máis breve se se produce en lugares máis calorosos. Con total seguridade sábese que no intervalo de temperaturas por debaixo dos 7ºC e por riba dos 32ºC o desenrolo desta enfermidade non prospera e afortunadamente interrómpese.

Para que a devandita infección teña lugar tan só son necesarios unha relación de factores, como 24 horas de humectación da folla a uns 7-10ºC, ou unicamente 6 horas a unha temperatura media duns 22-26 ºC.

Os primeiros indicios de afección acostuman a aparecer durante eses meses de primavera que dan paso á agromada. Os primeiros síntomas asociados a esta enfermidade é posible observalos nas tenras follas da vide, onde comezan a manifestarse unhas pequenas manchas de cores amarroadas e, á súa vez, poden escurecer os verdes gromos e os pedúnculos. Tamén estes sinais de dano preséntanse nos pequenos bagos que comezan a desenvolverse na planta, deshidratándoos ata o estremo de levalos ata un estado de momificación e sequidade.

 

Imaxe: Revista dixital Vinetur.